30/04/09

1º maio. Nada que celebrar: Unión e Loita


Un novo ano os sindicatos do goberno farán a procesión na que converteron, dende fai décadas, o 1º de maio, traizoando o espírito de día de loita e solidariedade entre os traballadores co que se instaurou fai 120 anos pola II Internacional.



A día de hoxe os sindicatos maioritarios non son máis que aparellos do estado, como os partidos políticos institucionais, xuíces ou policía. Están pagados fundamentalmente polo estado, con subvencións millonarias (por impartir cursos, por representatividade, etc.), e están controlados dende arriba (as súas decisións non dependen da vontade dos seus afiliados). E como apéndices do estado defenden os intereses dos patróns: Paralizan as loitas obreiras, permiten as baixadas de salario baixo ameazas de botarnos á rúa ou cualifican de éxito que obreiros sexan multados con miles de euros (a cambio de non entrar no cárcere) polo simple feito de participar en folgas nas que cada vez sófrense máis medidas represivas (antidisturbios, despidos). Todo isto pasa cada día con máis frecuencia en cada vez máis empresas: Os sindicatos fanlle o traballo aos empresarios mentres que os traballadores quedamos sen máis protección que nós mesmos, sen máis forza que a nosa unidade.



Por iso cremos que o futuro da clase traballadora pasa pola súa nosa propia autoorganización, lonxe dos sindicatos oficiais que só buscan encher os seus petos, buscando a unidade tanto nas loitas diarias por obxectivos concretos como tamén na loita xeral contra este réxime fascista que cada vez quere que lle demos máis a cambio de menos. Pero tamén consideramos importante buscar a unidade dos traballadores e traballadoras neste e nos vindeiros 1º de maio para mostrar a nosa forza, máis alá das diferencia ideolóxicas de cada un ou de cada organización, como clase enfrontada aos intereses deste estado e deste sistema.



No 1º de maio, como no resto do ano, unidade da clase traballadora



na loita contra o réxime fascista dos patróns