19/11/08

MAIS CRISE, MAIS FASCISMO


Nos últimos meses, saltaron tódalas alarmas do sistema capitalista: unha chea de factores (e non só a grande explosión do globo hinchado polo crédito de alto risco), tanto no eido do capital financeiro coma do industrial, anunciaban unha caída en picado no consumo e na producción. Os mercados están saturados, os stocks de mercadorías non teñen saída, a produción ten que baixar e mesmo parar, os obreiros fican sen emprego. A crise vai cada vez a máis e ameaza ao sistema co afundimento total.
Sabedores do nulo valor da moeda, os ricos invirten en valores-refuxio coma os metais preciosos e consumen luxo con redobrado frenesí. Xa que non poden invertir en Bolsa, queiman os cartos. Pero os verdadeiros amos, os grandes financeiros e industriais, axudados polos seus políticos tratan de salvarse da bancarrota “refundando” o capitalismo coma sempre: serán as clases traballadoras as que paguen a desfeita da bacanal dos ricos.
A pesar da actual indefensión, é previsible que conforme aumente a miseria, os obreiros e outros traballadores collerán a via dunha crecente organización e disposición a levantarse contra este sistema. Para abortar esta recuperación do movemento obreiro, os sicarios do capital toman medidas: aumento da violencia policial contra a resistencia e do papel mediador dos mamporreiros sindicais, que farán todo o posible por evitar os estalidos de rebelión poñendo os parches necesarios nesta caldeira a punto de reventar. Aumentará a represión, na que non van faltar (xa o estamos vendo: Euskal Herria, Madrid, nestes meses) as bandas abertamente fascistas e nazis cos seus Inestrillas e demáis descerebrados á fronte. Os e as antifascistas temos claro que eses son enemigos nosos directos. Pero tamén sabemos que o cerne do fascismo non son os símbolos, os uniformes, senón o poder dictatorial dun grupo de oligarcas (anque se disfrace de democracia), o oscurantismo e a reación ideolóxica (os grandes medios públicos e privados proclaman un pensamento único, sen cabida para as voces diverxentes ou opostas), o racismo, a sobreexplotación, a represión salvaxe, a tortura, a guerra imperialista. Este é o sistema no que vivimos, o que hoxe leva a humanidade ao abismo.
Este sistema que se fai chamar democrático pero ten tódolos trazos polos que se define o fascismo, utilizará, coma sempre, a súa arma decisiva: a de encirrar os cans da división entre nós, levándonos á impotencia e a desesperación. Ademais de impulsar o racismo contra os inmigrantes (utilizando a falacia de que veñen quitarnos o emprego), fomentan a contratación individual (beneficiando a uns poucos para sobreexplotar á maioría), as xornadas interminabeis para uns e o paro para os demais, etc.
Diante deste horizonte tan escuro, os antifascistas non nos cansaremos de traballar pola unidade por uns obxectivos comúns a tódolos sectores que resisten, facendo nosas a propostas dos colectivos que avancen por este camiño. Esiximos, polo tanto, a derrogación da Ley de Partidos, porque proibe a tódalas organizacións que non están de acordo co actual réxime político; a derrogación da Ley de Extranjería, por racista e non respetar a libre circulación dos traballadores; a liberdade de tódolos presos políticos, porque non poden estar presas as persoas ás que non se lles permitiu a loita pacífica pola liberdade e o socialismo; a disolución da Audiencia Nacional, porque é un tribunal político fascista, sucesor do TOP dos tempos de Franco.